Que é Barbantia?
20 de Setembro, 2005Dende hai algún tempo, unha morea de amigos do Barbanza, os máis deles creadores
e animadores culturais, viñamos acariñando a idea de crearmos un espazo que
nos xunte e que sexa unha especie de lugar común para a cultura. Despois de
moitas conversas, decidimos fundar Barbantia, unha asociación cultural que pretende
ser un centro de ideas, un proxecto común, aberto, de carácter independente,
co único ánimo de lucro da cultura como elemento enriquecedor. Estamos convencidos
de que o Barbanza ten unha importante oferta cultural –isto non é unha descuberta-,
pero tamén nos decatamos de que esa oferta non transcende moitas veces os límites
do propio concello que oferta o acto. Esa é unha verdadeira mágoa, porque conferencias,
obras de teatro e actos de certa relevancia non recollen máis público que o
dos propios concellos, e a distancia non debería ser un atranco porque a configuración
física da comarca favorece a comunicación. 
Somos conscientes de que a creación é fundamentalmente un acto individual, pero
unha vez feita a obra, a escultura, o cadro, o poema, a novela, é preciso poñerlles
ás, dálos a coñecer. E moitas veces non abonda coa inauguración dunha exposición,
coa publicación dun libro ou coa estrea dunha obra de teatro, se o público ou
ben non o sabe ou pensa que é algo que organiza, non tanto un concello, como
o grupo de goberno. A nosa idea é evitar o sectarismo, poñer a cultura por riba
de intereses só políticos, e procurar un punto de encontro. Por iso pensamos
que Barbantia, ademais dun movemento comarcal, podería ser esa especie de plataforma
cultural que mediase cos concellos do Barbanza, coas institucións e con outras
asociacións para a organización conxunta de encontros, relatorios, exposicións,
debates e calquera actividade de interese. A nosa achega sería, non para competir,
senón para compartir e, asemade, completar aqueles baleiros culturais na comarca.

En definitiva, Barbantia intentará ser un centro de ideas, no que todos, na
medida do posible, participemos e nos sintamos parte activa dun proxecto, que,
amais dun espazo cultural común, acade para o Barbanza un sinal distintivo,
unha marca identitaria cultural, non só dentro senón tamén fóra da comarca.
Por iso, intentaremos que a participación se vaia diversificando nos distintos
concellos para procurarmos liñas internas de comunicación e unha mobilidade
que faga da asociación unha caixa de resonancia, unha correa transmisora de
intercambio, reflexión, encontro e, sobre todo, amizade.
Polo seu marcado carácter comarcal e pola multidisplinaridade das actividades
que desenvolvemos, precisamos organizar o seu traballo a través de comisións.
Neste documento
podemos ver como organiza Barbantia o seu traballo.
|
Áreas
de Xestión |
Xestión Xeral e Económica |
| Comunicación e Vida Asociativa | |
| Normalización Lingüística | |
| Novas Tecnoloxías | |
| Mocidade | |
|
Áreas
Temáticas |
Artes Plásticas e Imaxe |
| Xeografía e Historia | |
| Pensamento | |
| Literatura | |
| Ciencias | |
| Música | |
| Bibliografía e Documentación | |
| Cultura Popular | |
|
Áreas
de Eventos |
Comisión Organizadora da Semana da Cultura Galega Actual |
| Comisión Organizadora do Encontro de Creadores do Barbanza | |
| Comisión Coordinadora do Anuario | |
| Comisión Autor Homenaxeado | |
|
Áreas
Territoriais |
Rianxo |
| Boiro | |
| Pobra | |
| Ribeira | |
| Porto do Son | |
| Noia | |
| Serra de Outes | |
| Lousame | |