Barbantia

Barbantia :: Web da Asociación Cultural Barbantia

Entrevista a Rosa Aneiros

31 de Outubro, 2005

Por Alicia Santamaría Nieto

Como comezaches a escribir?
Non o lembro. Creo que é algo que está en min dende que aprendín a xuntar letras e con elas palabras e logo frases. De todas maneiras, antes da propia escrita estaba a vontade de contar historias e creo que iso estaba xa tamén en min antes mesmo de saber escribir.

ResistenciaEscribiches algunha vez en castelán?
Non sei se algunha cousiña da escola. Dende logo, dende o primeiro certame ao que me presentei, que é o primeiro texto literario que lembro -quince anos- estaba xa escrito en galego.

Centrándonos en “Resistencia”, como ideaches o argumento?
A partir do final, cousa ben estraña na miña obra. Houbo unha imaxe no antigo penal de Peniche e hoxe Museo da Resistencia que me impactou tremendamente e souben que aí había o final dunha historia. O resto cinguiuse a tirar do fío e facer que as personaxes e os lugares falasen por si mesmos. Tivo as súas dificultades, recoñézoo, sobre todo por tratarse da historia portuguesa que eu non coñecía nada ben pero Dinís e Filipa axudáronme moito. Eles son quen conduciron os feitos polo seu rego.

En canto ó lugar, porque elixiches Portugal como marco espacial?
Eu diría que Portugal me escolleu a min. Nunca pensara escribir unha historia sobre a revolución dos cravos, nin se me pasaría pola cabeza porque me parecería demasiado ambicioso e difícil. Non obstante, presentáronse Dinís, Isaura, o Antonio, Leonor, Filipa… digamos que me convenceron da súa heroicidade e da súa loita e deilles tinta para viviren. Foron as propias personaxes quen escolleron o seu ámbito espacial.

Rosa Aneiros Referíndonos ao contexto socio-histórico, por que ese momento, o da ditadura salazarista e as guerras coloniais?
Porque o final, é dicir, o piar sobre o que construín a historia esixía unha situación de represión que precisaba duns antecedentes e dun contexto socio-político xa determinado pola propia historia portuguesa. A guerra colonial foi unha imposición para ser coherente co momento histórico porque cun protagonista en idade de ser mobilizado polo exército non podía obviar esa circunstancia. Ou mandábao a África ou buscáballe unha escusa para quedar na península. Optei por embarcalo para Mozambique pola propia riqueza semántica e de punto de inflexión na vida de Dinís que me brindaba. A ditadura de Salazar e Marcelo Caetano tamén estaban aí, non as escollín eu, pero me resultaron imprescindibles para o rumbo que lle quería dar á novela.

As personaxes son todas produto da imaxinación ou teñen algún referente real? Identifícaste con algunha?
As personaxes recollen anacos de vida e características de moitas persoas vítimas da represión salazarista. Os presos, por exemplo, recollen veridicamente algunhas historias que coñecín e mesmo conservan os seus nomes como Alvaro Cunhal ou Dinís Miranda. De min, por fortuna nalgúns casos e por desgraza todos, creo que non hai nada. É evidente tamén que algúns me gustan ou admiro máis ca outros.

Que libro, dos que levas escrito ata o momento, destacarías como mellor?
Non podo escoller. Cada un deles é froito dun momento determinado e ten aspectos que non atopo noutro. Creo mesmo que é unha pregunta cruel…

Para rematar, que consellos lle darías a alguén que comece neste mundo da escrita?
Que escriba. É o único consello que se pode dar. Que escriba e que traballe os textos unha e mil veces. Non é cuestión de inspiración senón de traballo puro e duro coa ferramenta das palabras.

Deixe unha resposta

Nome

Correo Electrónico (nunca a ser publicado)

Espazo web