Barbantia

Barbantia :: Web da Asociación Cultural Barbantia

Proxección en Boiro do documental “Los últimos gaiteiros de La Habana”

18 de Outubro, 2008

A Asociación Cultural Barbantia e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia organizan a proxección do documental Los últimos gaiteiros de La Habana, de Natasha Vázquez Ruíz, o sábado 18 de outubro no Centro Social de Boiro, ás 19:00 horas. Contarase coa presenza da autora do documental, que mereceu o Premio Iberoamericano Rei de España, entre outros moitos recoñecementos.

Natasha Vázquez, a directora, é xornalista e directora de cine e TV, especializada en temas relacionados coa emigración a Cuba, especialmente a galega.

Eduardo Lorenzo o último gaiteiro

Poderosa arrancadeira literaria de Outono de Barbantia

23 de Setembro, 2008

A Asociación Cultural Barbantia, o Pen Clube de Galicia, o Concello de Boiro e La Voz de Galicia convocan o acto literario dos premios Rosalía de Castro 2008, coa presenza de todos os premiados que debaterán sobre o estado da literatura actual:

-Álvaro Mutis, Premio Príncipe de Asturias e Cervantes, entre outros, premio no ámbito hispánico.
-Mia Couto, premio no ámbito da lusofonía.
-Joan Margarit, premio en lingua catalá.
-Jon Kortázar, premio en lingua vasca.

O acto será presentado por Luís G. Tosar, presidente do Pen Clube de Galicia, e terá lugar o vindeiro sábado 27 de setembro, ás 13:00 horas, na Casa da Cultura Ramón Martínez López de Boiro.

O escritor Álvaro Mutis

Dupla dose de actos culturais en Noia

24 de Xuño, 2008

A Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, a Sociedade Liceo de Noia e Edicións Xerais de Galicia, coincidindo coa saída dun novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia, convidan á presentación dos libros Veleno tinto, de Ramón Carredano; e mais Cazaría salvaxe, de Agustín Agra. Ao acto, que terá lugar o vindeiro venres 27 de xuño, ás 20:30 horas, no Liceo de Noia, asistirán ámbolos dous escritores. Así mesmo, estarán presentes Carlos Mosteiro, escritor e vicepresidente de Barbantia, e Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia.

A Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, o Concello de Noia e a Editorial Toxosoutos convidan tamén, ás 20:30 horas do vindeiro sábado 28 de xuño, no claustro do Concello de Noia, á presentación do libro de Xerardo Agrafoxo Noia no cambio de século, coa presenza do autor; de Antón Rodríguez Gallardo, historiador e membro de Barbantia; e mais de Iria Lago, directora da Editorial Toxosoutos.

25 de Abril: sempre!

24 de Abril, 2008

Nova Barbantia, o Proxecto Leñaverde, La Voz de Galicia e mais a Asociación Cultural Aturuxo convídante á presentación dun novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia, así como á celebración do aniversario da Revolución dos Caraveis, o vindeiro venres 25 de abril, no local social de Aturuxo, en Boiro. O programa de actos desta xornada é o seguinte:

Ás 20:00 h.: Proxección do documental As armas e o povo (Portugal, 1975), filme colectivo que retrata a primeira semana de Revoluçâo dos Cravos.
Ás 22.00 h.: Recital de poetas portuguesas e galegas, con membros das Redes Escarlata.
Ás 23.30 h.: Concerto do grupo Ataque Escampe.

Ataque Escampe

Preséntase en Ribeira Xeografía Nocturna, de Ferrán Fernández

26 de Marzo, 2008

A Asociación Cultural Barbantia, o Concello de Ribeira, La Voz de Galicia, a Colección Bourel e o Ateneo Valle-Inclán convidan á presentación do libro Xeografía nocturna, de Ferrán Fernández. O acto, que terá lugar o venres 28 de marzo, ás 20:00 horas, no Ateneo Valle-Inclán de Ribeira, contará coa presenza do autor; de José Luis Torres Colomer, alcalde de Ribeira; de Rosa García Pose, directiva do Ateneo; de Antonio Piñeiro, editor; e mais de Manuel Cartea, tradutor da obra e directivo de Barbantia.

O editor Antonio Piñeiro

As palabras da Néboa, presentación na Pobra

12 de Marzo, 2008

A Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Galaxia e a Librería Ler da Pobra do Caramiñal convidan á presentación do libro As palabras da néboa o xoves 13 de marzo, ás 20:30 horas, na Librería Ler da Pobra do Caramiñal. Trátase dunha novela de Francisco Castro, que recibeu o premio García Barros do 2007. O acto contará coa presenza do autor; de María Xesús Blanco, socia de Barbantia; de Antón Riveiro Coello, presidente de Barbantia; e mais de Víctor F. Freixanes, director xeral de Editorial Galaxia.

Portada do libro

Actividade conxunta de Aturuxo e Nova Barbantia

5 de Marzo, 2008

A mocidade de Aturuxo e Nova Barbantia convídannos á presentación do libro A impostura e a desorientación na normalización lingüística, de X. M. Sarille, presidente de honra da Mesa Pola Normalización Lingüística. No acto, que terá lugar este sábado 8 de marzo no Local Social de Aturuxo (r / Principal, 118, Boiro) ás 20:00 horas, estarán presentes o autor; Iria Gestoso Ríos, membro de Nova Barbantia; e mais Xurxo Paz, coordinador de Aturuxo.

A continuación, a partir das 21:00 horas, iremos ata a Casa da Cultura de Boiro para atender ao concerto que ofrecerá 3 Peixes voando, o grupo de Xabier Díaz, Ugía Pedreira e Guillerme Fernández, coa Radio Galega Música, co patrocinio do Concello de Boiro.

X. M. Sarille

Monólogo do calígrafo, nova edición da Colección Bourel

27 de Febreiro, 2008

A Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia e o Ateneo Valle-Inclán presentan o libro Monólogo do Calígrafo, de Baldo Ramos, nunha edición artesanal da Colección Bourel, que dirixe Antonio Piñeiro. O acto terá lugar o vindeiro venres 29 de febreiro, ás 20:00 horas, no Ateneo Valle-Inclán de Ribeira (enriba do Bar Plaza), e contará coa presenza de Baldo Ramos e mais de Antonio Piñeiro. Así mesmo, presentarase un novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia.

Baldo Ramos

Vestíbulo da devastación, poemario de Rosa Enríquez

20 de Febreiro, 2008

A Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Espiral Maior, o Proxecto LeñaVerde e mais o Concello de Boiro presentan o poemario Vestíbulo da devastación, obra da poeta e socia de Barbantia Rosa Enríquez. O acto terá lugar este venres día 22, ás 20:30 horas, no local da mocidade, sito no Centro Social de Boiro, e contará coa presenza da autora; de Miguel Anxo Fernán-Vello, director de Espiral Maior; e mais de Alberto Piñeiro, coordinador de Barbantia.

Así mesmo, contaremos coa actuación, ao celo, de Carme Tubío, namentres Damián Eiras realiza unha intervención plástica.

Rosa Enríquez

Presentación en Rianxo da última obra de Xesús Rábade

21 de Xaneiro, 2008

O Concello de Rianxo, a editorial Galaxia, Barbantia e La Voz de Galicia, convídannos á presentación do último Premio Blanco Amor de novela, Mentres a herba medra, do escritor Xesús Rábade Parades, así como á saída dun novo número do suplemento cultural A voz de Barbantia.

O acto contará coa participación de Pedro Piñeiro, alcalde de Rianxo; o académico e escritor Xosé Luís Axeitos Agrelo; Fernando R. Lavandeira, escritor e membro de Barbantia, e mais o autor, e terá lugar o vindeiro venres 25 de xaneiro, ás 20’30 h., na Casa da Cultura Cuartel Vello de Rianxo.

O escritor Xesús Rábade

« Artigos Anteriores Artigos Seguintes »